
Inauguración da exposición de modelismo naval tradicional, 20 de agosto ás 20 h na Casa Mariñeira (oficina de turismo)
Neste 20 de agosto de 2019 ás 20 h do serán inaugurámo-la exposición sobre maquetas de embarcacións tradicionais e buques de vela antigos.
Esperámosvos na Casa Mariñeira (oficina de turismo)!
Ramón Martís Gude, do lugar do Castelo, mecánico naval de profesión, dedícase a elaborar maquetas de embarcacións tradicionais no seu tempo de lecer. A súa afección comezou cando traballaba no mar embarcado en barcos mercantes e de pesca. Agora, xubilado dende hai un ano, traballa no seu obradoiro. Posúe unha colección de 40 embarcacións.
Traballa a base de planos ou “kits”. A elaboración dunha embarcación exixe coida-los pequenos detalles: de feito, unha embarcación pequena pódelle levar dende un mes ata dous meses. Incluso elabora as velas e emprega pintura de aceite ou acrílicos.
Os nomes dos seus barcos son produto do seu enxeño: por exemplo, “M.ª Gracia” é con relación ó seu alcume.
Juan Antonio Varela Souto, do lugar de San Lázaro, tamén mecánico naval de profesión, dende hai cinco anos está xubilado. Sempre lle gustaron as embarcacións de vela histórica e dende hai 19 anos elabora e colecciona buques de vela antigos, os cales tiveron protagonismo na historia naval.
A súa afección comezou realizando un “kit” e, a partir de aí, seguiu traballando con base en planos e fotografías de buques célebres. A cada buque dedícalle entre un ano ou ano e medio. Emprega madeiras como okumé para lle dar forma ó casco e madeiras nobres vernizadas como sapeli, carballo, nogueira… Juan reproduce con detalle a maraña orixinal de velas, mastros e cabos.
Do seu obradoiro saíron auténticos tesouros navais para adornar esta exposición, como son o “Carabela Santa María”, o “Santa Ana”, “Soberano de los Mares” ou o “Santísima Trinidad”.
O autor posúe unha colección de 40 unidades de buques veleiros e de embarcacións tradicionais de radiocontrol; de feito, Juan ten exposto noutras ocasións no auditorio de Ribeira e no Liceo Pueblense.
Juan e Ramón comparten sala expositiva porque, ademais de teren esta afección común, tamén comparten profesión, vila e mais son amigos dende pequenos.