
"Cinco minutos sen respirar": teatro en galego contra a violencia de xénero, domingo 24 de novembro ás 19 h no Elma
“NÓS, CONTRA A VIOLENCIA”
Neste domingo, 24 de novembro de 2019, ás 19 h no teatro Elma, continúa a programación de actividades do Concello da Pobra do Caramiñal con ocasión da celebración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Desta volta visítano-la compañía Ítaca Teatro para nos deixar Cinco minutos sen respirar, unha obra do dramaturgo contemporáneo venezolano Gustavo Ott, traducida á nosa lingua, que nos fala da violencia de xénero, dos abusos bancarios, da explotación laboral e de moitas outras cuestións da vida cotiá.
Cinco minutos sen respirar é unha das actividades enmarcadas na campaña “NÓS, CONTRA A VIOLENCIA”, realizada conxuntamente entre a Secretaría Xeral da Igualdade e maila Secretaría Xeral da Política Lingüística da Xunta, que combina a dinamización da lingua galega coa sensibilización fronte á violencia de xénero.
A campaña “NÓS, CONTRA A VIOLENCIA” desenvólvese asemade no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e nela inclúense actividades de teatro, de música, obradoiros, contacontos e outros materiais que iremos dando a coñecer proximamente.
“NÓS, CONTRA A VIOLENCIA” é unha campaña que está activa en concellos galegos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, na cal se inclúe dende este verán de 2019 o Concello da Pobra do Caramiñal, xunto con outras cento setenta entidades locais galegas.
Entrada gratuíta ata se enche-la cabida do local
Coordinan: O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello da Pobra do Caramiñal e maila súa Concellaría da Igualdade
Máis información sobre a obra teatral deste domingo na Pobra en