
"O País dos Mandóns": teatro familiar en galego contra a violencia de xénero, domingo 8 de decembro ás 12 h no Elma
“NÓS, CONTRA A VIOLENCIA”
Neste domingo, 8 de decembro de 2019, ás 12 h no teatro Elma, continúa a programación de actividades do Concello da Pobra do Caramiñal con ocasión da celebración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Desta volta visítano-la compañía teatral OS GHAZAFELHOS cunha obra para tódolos públicos, pero especialmente dedicada ás nosas nenas e nenos dende os 3 anos ata os 10 anos: O País dos Mandóns.
Neste conto dramatizado, duns 45 min de duración, adáptanse 3 contos da colección “A igualdade conta”, de Edicións Embora:
Flora e o seu segredo, A urna dos desexos e O País dos Mandóns.
Desfrutaremos en familia das aventuras de tres personaxes que conseguen transformar ese País dos Mandóns no País da Igualdade e convidarnos a sentirnos iguais dende as nosas diferenzas.
Esta mestura de teatro e narracións orais é unha das actividades enmarcadas na campaña “NÓS, CONTRA A VIOLENCIA”, realizada conxuntamente entre a Secretaría Xeral da Igualdade e maila Secretaría Xeral da Política Lingüística da Xunta, que combina a dinamización da lingua galega coa sensibilización fronte á violencia de xénero.
A campaña “NÓS, CONTRA A VIOLENCIA” desenvólvese asemade no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e nela inclúense actividades de teatro, de música, obradoiros, contacontos e outros materiais.
“NÓS, CONTRA A VIOLENCIA” é unha campaña que está activa en concellos galegos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, na cal se inclúe dende este verán de 2019 o Concello da Pobra do Caramiñal, xunto con outras cento setenta entidades locais galegas.
Entrada gratuíta ata se enche-la cabida do local
Coordinan o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello da Pobra do Caramiñal e maila súa Concellaría da Igualdade.
Máis información sobre a obra teatral O País dos Mandóns no portal da Secretaría Xeral da Política Lingüística da Xunta: