
Prazo de inscrición ata 10 de xaneiro: cursos de galego gratuítos de preparación para os Celga e linguaxe administrativa nas EOI
O SNL (Servizo de Normalización Lingüística) do Concello da Pobra do Caramiñal informa de que continúa aberto o prazo (até 10 de xaneiro de 2020) para se inscribir nos cursos oficiais GRATUÍTOS de galego (do 2.º cuadrimestre deste curso académico) que oferta a Xunta para tódalas persoas maiores de 16 anos e que se realizan nas escolas oficiais de idiomas galegas, co fin de prepara-lo alumnado interesado en supera-lo exame para obte-los Celga (certificados de lingua galega).
As bases reguladoras dos ditos cursos oficiais GRATUÍTOS, así como a lista de cursos concretos ofrecidos e as escolas oficiais de idiomas galegas en que se realizan, encóntranse no DOG de 20 de agosto de 2019:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190820/AnuncioG0534-070819-0002_gl.html
Así mesmo, ofértanse cursos de linguaxe administrativa galega dos niveis medio e superior, destinados ó persoal empregado público. Porén, tódalas demais persoas (maiores de 16 anos) que tamén os solicitaren dentro do prazo de inscrición estabelecido poderán optar igualmente a prazas nestes cursos, se fican sitios libres.
Un requisito para se poder optar a estes cursos de linguaxes específicas (linguaxe administrativa) é contar co Celga 4 (ou os cursos equivalentes anteriores, chamados cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega), ou, se non, cun curso de linguaxe administrativa do nivel básico.
A inscrición gratuíta en tódolos cursos haina que realizar pola vía telemática ata o día 10 de xaneiro de 2020 ás 23.59 h
Tódalas persoas interesadas poden pasar polo SNL (Servizo de Normalización Lingüística) do Concello da Pobra do Caramiñal (981 84 32 80: ext. 2013) para obteren máis información ou mesmo axuda na dita inscrición gratuíta en todos estes cursos, así como, de se-lo caso, axuda na tramitación da solicitude de validación por parte da Xunta dos seus estudos académicos persoais por algún dos Celga existentes.
Convocatorias anuais de exames para obte-los Celga
Existen tódolos anos convocatorias de exames (por parte da Xunta) para obte-lo Celga correspondente, ás cales se poden presentar tanto o alumnado dos cursos oficiais, ofrecidos nas escolas oficiais de idiomas galegas, coma aquelas persoas que decidiren presentarse por libre.
Informarase das ditas convocatorias cando se publicaren.
Pódese obter máis informacións sobre os temarios e materiais didácticos para prepara-los exames para obte-los Celga no Portal da Lingua Galega, a páxina web específica da Secretaría Xeral da Política Lingüística da Xunta: www.lingua.gal
Igualmente, axuda gratuíta e atención personalizada no Servizo de Normalización Lingüística do Concello.
https://www.lingua.gal/recursos/para-aprender-o-galego/_/aprendelo/contido_0011/celga