DOMINGO 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER: "O benquerer(se)" con ALDAOLADO (Lucía Aldao e María Lado) no Elma ás 20 h
Neste domingo 8 de marzo de 2020 continuaremos na Pobra do Caramiñal coas actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller, que se celebra tódolos 8 de marzo dende 1975.
Aldaolado son Lucía Aldao e María Lado, poetisas de consolidada carreira, quen en 2005 uniron os seus nomes e os seus esforzos para dar lugar a este dúo orientado á poesía escénica, con que conseguiron facer do recital un acto atractivo, próximo e divertido para todo o tipo de público, mesmo aquel que nunca leu poesía.
A súa espontaneidade e complicidade en directo son a base sobre a cal crearon case unha ducia de espectáculos. Con eles actuaron en centos de escenarios do máis variado, tanto en Galiza coma máis aló das nosas fronteiras.
Aldaolado presenta “O benquerer(se)”, un recital humorístico e musical que aborda a temática de xénero dende a súa experiencia de mulleres e de poetisas, no cal tanto a escolla de versos coma o propio discurso xiran arredor da igualdade a través de conceptos da realidade universal como o amor romántico. Todo co ton humorístico que as caracteriza.
O espectáculo será no Elma ás 20 h e de entrada libre ata completa-la cabida do local.
Organiza a Concellaría de Igualdade do Concello da Pobra do Caramiñal.