Colaboración do Concello da Pobra cos centros educativos dotando o alumnado de equipamentos informáticos e Internet
No día 12 de marzo de 2020 a Consellaría da Educación deu a orde de se suspenderen tódalas clases presenciais e de se realizaren tarefas de repaso e reforzo por vía telemática dos contidos estudados ata ese momento.
O período de tempo que en principio estaba previsto foise alongando e esta situación fixo máis visíbel ca nunca a fenda dixital, que afecta un catro por cento do alumnado do ensino obrigatorio no noso concello.
Na situación actual de confinamento causado pola pandemia que estamos a sufrir, o acceso á educación depende de que os fogares teñan ordenador e conexión á Internet e o alumnado que carece desta rede familiar vese seriamente prexudicado, xa que perde o único contacto posíbel cos seus profesores e profesoras e coas tarefas que estas lles fan chegar a través deste medio.
O Concello da Pobra do Caramiñal, por medio da Concellaría da Educación, a cargo de Genoveva Hermo, xunto cos centros de ensino, conscientes destas carencias, buscámo-la maneira de paliarmos estas desigualdades.
Os equipamentos informáticos de que dispoñen os centros educativos puxéronos á disposición do seu alumnado, pero resultan insuficientes para atender toda a demanda.
Nesta situación o Concello complementou a falta de equipamentos e tamén a ausencia da conexión á Internet, facéndose cargo do préstamo de 12 ordenadores portátiles, grazas á colaboración da Concellaría da Mocidade, que cedeu os equipamentos da Casa da Mocidade. Tamén se distribuíron 27 tarxetas de datos, co seu correspondente adaptador, que darán acceso á Internet a tódolos alumnos e alumnas que están nesa situación.
Desta maneira, a colaboración entre os centros educativos e o Concello vai permitir que todo o alumnado poida seguir traballando usando como recurso o ordenador e a Internet. Isto abre outras posibilidades para o profesorado, que tratará de suplir con estas ferramentas a imposibilidade das clases presenciais.
Poñe-los medios para que todos e todas teñan as mesmas oportunidades no acceso á educación é unha das tarefas máis gratificantes que o Goberno da Pobra pode levar a cabo neste momento.
Dende o Concello tamén queremos agradece-la disposición para consegui-los mellores medios para o alumnado da Pobra do Caramiñal por parte do seu profesorado.