
Continúa o campamento de conciliación na Pobra con diversas actividades
Un total de 40 crianzas participan actualmente no campamento de conciliación posto en marcha no C.E.P. Salustiano Rey Eiras por parte da Concellaría da Igualdade do Concello da Pobra do Caramiñal. O dito servizo funciona durante todo o verán e prolongarase ata o inicio do curso escolar. Ademais, inclúe o Servizo de Madruga e comedor para dar maiores facilidades ás familias usuarias.
Xunto coas cinco monitoras e o coordinador, os nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, desenvolven diversas actividades con vertente educativa e lúdica adaptadas a cada rango de idade: circo, varios labores manuais, exercicio, charlas etcétera. Así, cada semana traballan nun tema en concreto; nestes días abordan as Olimpíadas. Do mesmo xeito, na xornada de onte afanáronse nunhas accións propostas pola Área do Medio Ambiente con motivo do programa da Xunta que creou a rede Praias sen fume.
Por outra banda, a maior parte do tempo, sempre que a climatoloxía o permite, atópanse en aularios exteriores para evitaren permanecer en espazos pechados por mor do coronavirus. Unicamente se desprazan ao interior do centro educativo para faceren uso da Internet e das tablets. Estes 20 dispositivos adquiridos pola Administración local permítenlles socializar a través de xogos de mesa e de lóxica, todos eles virtuais.
Cómpre sinalar que, seguindo o protocolo de seguridade establecido por mor da COVID-19, as cativas e cativos empregan en todo momento a máscara e manteñen a separación.