
O Concello da Pobra continúa coas xuntanzas co empresariado para aborda-la ampliación do polígono da Tomada
O proxecto para a segunda ampliación do parque empresarial da Tomada atópase en fase de estudo por parte do Concello da Pobra do Caramiñal para, posteriormente, remiti-los datos que obteñan a Suelo Empresarial del Atlántico (SEA). A xerente da entidade solicitou unha sondaxe das necesidades de ampliación das empresas do municipio. Por este motivo iniciouse unha rolda de contactos con representantes das empresas do polígono e da localidade co obxectivo de coñece-las súas necesidades de ampliación e propostas. De feito, xa se produciron xuntanzas con Mobalco, Actemsa, Salica, Transportes Atlas, Mapir, Congalsa, Grupo Roig, DS Smith, Luis Escurís Batalla, Talleres Fontao, Granitos Obradoiro, Autocares Barbantia e Alicrusa.
Nas xuntanzas tamén se están a trata-las demandas de mellora no actual polígono, tales como a conexión á Internet, o incremento das prazas de estacionamento, a recollida de lixo e o mantemento de vías, zonas verdes e beirarrúas.
A técnica do Medio Ambiente, Beatriz González, participa tamén nas reunións co obxectivo de valorar conxuntamente as analíticas a que son sometidas as diferentes empresas para controla-las súas verteduras, tanto á rede de saneamento coma á rede de pluviais.
No día de onte, xoves 13, efectuouse a visita á empresa Pescasana, dedicada ao sector alimentario, na cal o mandatario local tivo un encontro co xerente da referida sociedade, Víctor Domínguez. Este último afirmou que teñen interese na ampliación do parque empresarial, pois sinalou que detectan unha saturación nas súas instalacións.
Pola súa parte, a técnica do Medio Ambiente indicou a Pescasana que o seu procedemento de obtención do permiso para a vertedura está pendente dunha nova valoración do proceso produtivo e que, logo de tódalas actuacións requiridas polo Concello e realizadas pola empresa, a intención é que conte co permiso en regra a comezos de 2021.