O Campionato Galego de Percorrido de Bosque 3D chega este sábado á Pobra
O sábado 5 desenvolverase na Pobra do Caramiñal o Campionato Galego de Percorrido de Bosque 3D, unha cita deportiva que contará coa participación de 52 persoas, divididas en catro modalidades de arco -composto, instintivo, espido e longbow-, e que dará acceso a campionatos nacionais. Ao acto de presentación asistiron o alcalde Xosé Lois Piñeiro, a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo, a técnica desta área, Ana Romero, e a presidenta do Club Arqueiros do Barbanza, Inma Souto.
A zona elixida para o transcurso da proba é A Portela, unha área boscosa que, tal e como expuxo a edil, está suficientemente lonxe de núcleos poboados. Por outra banda, o horario establecido é de 09.00 a 19.00 horas, existindo dous circuítos: un pola mañá e outro pola tarde. Unha vez feito o reconto, procederase á entrega dos trofeos.
Máis polo miúdo, Inma Souto indicou que se estipulan 24 propostas de tiro en cada un dos circuítos, en que se van disparar frechas a réplicas de figuras de animais. No referente ao protocolo establecido por mor da COVID-19 determínase o seguinte: non deixar entrar ninguén ao circuíto sen máscara; utilización en todo momento da máscara; toma-la temperatura de quen participe na proba cun termómetro a distancia; o xurado deberá empregar pantallas de protección, máscaras e luvas; e cada participante disporá dunha pistola pulverizadora de solución hidroalcohólica para desinfecta-las figuras en que craven as súas frechas, entre outros aspectos.
En canto á normativa do propio evento, figura que as persoas menores de 14 anos deberán acceder acompañadas dunha persoa adulta que debe estar perfectamente acreditada; e quen incumpra as pautas, tanto as sanitarias coma as propias bases, deberá abandona-la competición, polo cal se procederá á súa descualificación.
Así mesmo, a realización desta cita deportiva contará cun recurso preventivo, é dicir, un total de dez persoas que velarán en todo momento polo total cumprimento das medidas preceptivas.
Tamén se deu conta da loxística necesaria para o desenvolvemento do campionato. Neste senso, o Club Arqueiros do Barbanza proporcionará máscaras e luvas para cambiar cando sexa preciso, ademais de facilita-lo avituallamento sólido (bocadillo e froita), o cal estará precintado por salubridade.
Finalmente, o alcalde manifestou que o Concello, a través da Concellaría dos Servizos Municipais, porá á disposición outra parte da loxística. Do mesmo xeito, contarase coa colaboración da Protección Civil.