Adhesión do Concello da Pobra á campaña DE FRONTE á violencia de xénero
O Concello da Pobra do Caramiñal, a través da súa área da Igualdade, adheriuse a DE FRONTE á violencia de xénero, a nova campaña impulsada pola Deputación da Coruña que busca plantarlle cara ó feminicidio e implica-la sociedade, sumando forzas e mobilizando a cidadanía para a erradicación da violencia machista.
Mediante esta iniciativa, a institución provincial procura promove-la creación dunha rede de administracións locais e entidades sensíbeis e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia machista, xerando así sinerxías entre elas, coa Deputación e co resto da sociedade.
Ademais, entre os seus obxectivos figuran a sensibilización social fronte á violencia machista, así como fornecer de recursos accesíbeis ou apoia-la diversificación da oferta de actividades socioculturais relacionadas coa igualdade de xénero.
Desta maneira, de cara ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no 25 de novembro, a Administración local fará parte da referida campaña, así como da En negro contra as violencias, á cal leva adherida varios anos.