
Reciclados en 2020 un total de 6 817 quilogramos de aceite de cociña usado
A Concellaría do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra), informa de que durante 2020 se depositaron un total de 6 817 quilogramos de aceite de cociña usado nos 15 colectores repartidos para tal fin en distintas localizacións do municipio e mais nos que están situados na praza de abastos.
Concretamente, no aparcadoiro do recheo foron 1 130 quilogramos; na zona verde da rúa Barrantes, da urbanización O Lagar, 940; na rúa do Curraliño, na esquina da casa da cultura Raquel Fernández Soler, 790; no lugar de Caíños, fronte ó bar O Campiño, 740; no lugar da Covecha, fronte ás pistas de tenis, 530; na rúa Venecia, xunto á pista deportiva, 470; no lugar da Virxe do Monte, xunto á capela, 460; na zona verde da rúa Lamas e Andrés, 435; no paseo dos Areos, fronte ó supermercado Gadis, 335; no lugar da Costa, fronte á panadaría O Forno do Maño, 320; no parque do Castelo, fronte ó bar O Facho, 165; na Ribeiriña, xunto á marquesiña do bus, 135; na estrada de Lesón, xunto ós contedores amarelo e azul, 130; na rúa da Angustia, xunto a Muebles Lijó, 110; e na explanada da Pedreira, no Camiño Ancho, 5. Cómpre sinalar que a baixa cantidade neste último espazo se debe a que se instalou a finais de ano. Por outra banda, 122 correspóndense coa praza de abastos.
A cifra total supón un incremento de arredor de 2 000 quilogramos na recollida de aceite usado respecto de 2019 e de 4 000 en comparación con 2018. Así mesmo, o dato tradúcese en que se evitou en 2020 a contaminación de preto de 7 500 000 litros de auga por non tira-lo referido residuo polos sumidoiros.
Dende a Área do Medio Ambiente explican que, dados os bos resultados, valorarán aumenta-lo número de colectores e lembran que o depósito de aceite debe realizarse en recipientes de plástico para evitar que se produzan verteduras, ademais de que no Concello están á disposición da veciñanza funís para a recollida.
Unha acción a prol do coidado do medio ambiente que busca a implicación da cidadanía.