Últimas Novas

A Pobra celebra o Día de Rosalía de Castro

A Pobra celebra o Día de Rosalía de Castro

Con motivo do Día de Rosalía de Castro, a praza que leva o nome da escritora, na Pobra do Caramiñal, foi escenario no mediodía deste mércores 24 dun acto institucional, amenizado polo grupo de música tradicional Os Caraveiros e con interpretacións a cargo de Mariló Ríos.

No acto estiveron presentes membros da corporación municipal presididos polo alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, ademais de persoal do Concello e veciñanza.

Primeiramente, a edil Patricia Lojo destacou a importancia de Rosalía, á cal se referiu como “unha das intelectuais máis representativas da cultura galega dentro e fóra das nosas fronteiras. Unha muller cunha importante e fecunda produción literaria que tamén destaca por desafia-los estándares establecidos na sociedade da súa época.” Neste senso, manifestou que “é un luxo para o sistema literario galego ter unha muller como Rosalía, tan adiantada ao seu tempo”, ademais de facer fincapé en que resulta preciso continuar co labor divulgativo da súa persoa, obra e, polo tanto, do seu legado. Rematou a súa intervención lendo o manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega para este 2021.

Pola súa parte, o rexedor Xosé Lois Piñeiro subliñou a relevancia deste día, dedicado a esta escritora, “de quen calquera galega ou galego se sente orgulloso.” Tamén aproveitou a ocasión para lembrar que no presente ano botou a anda-lo xogo-concurso As sete Rosalías.

Xa no remate do acto procedeuse coa colocación da ofrenda floral a carón da fonte situada na referida praza.