
O Concello pobrense retoma a súa actividade cultural
A Pobra volve configura-lo seu calendario cultural e para comezar propón unha serie de monólogos que se representarán sobre as táboas do Elma. Tódalas citas transcorrerán nos domingos do mes de marzo, ás 19.00 horas, seguindo as medidas implantadas por mor da COVID-19. Destas actividades deron conta a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro.
No domingo 14, Apatacón trae Por unha peseta. Un traballo onde a voz narrada e cantada se achegan para atopar canto vale unha peseta. Historias da vida recollidas no noso contorno e que nos achegan a partes iguais ao humor, á sensibilidade e á tenrura propias da nosa xente.
Oswaldo Digón recala no domingo 21 para presenta-lo seu novo espectáculo móbil, non só polo seu percorrido, senón tamén polo seu contido cambiante e en constante crecemento, co seu selo único e orixinal.
E Avelino González subirá ao escenario para lles achegar ás persoas asistentes Contos que foron chistes no domingo 28. Neste monólogo cóntanse moitos chistes con que hoxe rimos, pero que son unha adaptación de contos vellos. A función é rir e facer rir.
As entradas son de balde e, debido á situación sanitaria derivada do coronavirus, as persoas interesadas deben face-la súa reserva na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545. A dita programación está organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Por outra banda, a edil lembrou que o Museo Valle-Inclán, a biblioteca municipal Victoriano García Martí e a casa da cultura Raquel Fernández Soler retomaron a súa actividade e a atención presencial ao público.