
Bases reguladoras do PEL-Reactiva: programa específico de apoio á hostalaría e axencias de viaxes
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica neste 20 de abril de 2021 as bases reguladoras do PEL-Reactiva: programa específico de apoio á hostalaría e axencias de viaxes, do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña para o período 2021. O seu obxectivo principal é a reactivación e o mantemento da actividade económica e do emprego nestes sectores estratéxicos do desenvolvemento socioeconómico na provincia que están a verse afectados pola crise derivada da pandemia.
O importe asignado a este Programa ascenderá aos 9 000 000 de euros, financiándose con fondos propios da institución provincial. Toda a tramitación realizarase de maneira telemática, a través da plataforma SUBTeL, resultándolles aplicable a tódalas fases do procedemento: solicitude, concesión, xustificación, desistencia e renuncia, incluíndo en cada unha delas as notificacións e as comunicacións, os requirimentos de información e emenda de deficiencias, así como os envíos de documentación que sexan necesarios para tramita-los expedientes.
As persoas físicas ou xurídicas solicitantes deberán cumprir cos seguintes requisitos, con anterioridade ao día 1 de xaneiro de 2021: te-lo seu domicilio fiscal nun concello da provincia da Coruña con menos de 50 000 habitantes; estar dadas de alta nalgunha(s) das epígrafes do IAE indicadas na base 3, segundo figure no seu Certificado de Situación Censual actualizado; estar dadas de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social, no caso de persoas físicas; e non atoparse incursas en ningunha das circunstancias recollidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.
O importe por recibir terá unha contía fixa de 1500 euros por persoa beneficiaria que cumpra os requisitos, ata esgota-lo crédito dispoñible. Este programa é compatible con calquera outro ou axuda concedida por entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade. Iso si, cómpre indicar que non poderán ser solicitantes as persoas traballadoras autónomas ou microempresas que fosen beneficiarias das axudas PEL-REACTIVA: Fondo de Financiamento para a Reactivación Económica e Social da Provincia da Coruña.
O prazo de presentación iniciarase no día 3 de maio de 2021, ás 08.00 horas, unha vez publicada a convocatoria no BOP a través da remisión desta á BDNS. Será preciso achega-la solicitude, a través do apartado correspondente á convocatoria da plataforma telemática SUBTeL, mediante a sinatura dixital da persoa física ou do/da representante legal da persoa xurídica. Entre a documentación que se deberá subir á plataforma figura:
- O certificado de vida laboral do/a autónomo/a onde conste a data de alta no RETA (no caso de que quen solicita sexa unha persoa física).
- O certificado de situación censual da Axencia Estatal Tributaria, actualizado para os efectos de determina-la data de inicio da actividade.
- A información dos datos bancarios:
a) Persoas físicas que actúen no seu propio nome: designación de conta bancaria (código IBAN ou CCC).
b) Persoas físicas que actúen a través dun/dunha representante e persoas xurídicas: certificación bancaria ou documento de banca electrónica que conteña a seguinte información:
-
- Nome ou razón social.
- CIF/NIF.
- Identificación da conta bancaria (código IBAN/CCC).
Ademais, na propia solicitude, deberase declarar de xeito responsable o cumprimento de tódolos requisitos esixidos, así como o cumprimento dos compromisos e obrigas.