Constituído o Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro
Na xornada do día 10 de maio asinouse o convenio de colaboración co que se formaliza o Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro para o impulso dunha iniciativa pertencente ao ámbito patrimonial, cultural e turístico do territorio do Barbanza.
No acto para a rúbrica do acordo participaron representantes dos concellos da Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro, Rianxo e Porto do Son, así como o presidente e vicepresidente da Deputación da Coruña.
Algúns dos recursos que integran este parque son o castro da Croa de Posmarcos, na Pobra do Caramiñal; o castro de Isorna, en Rianxo; os de Neixón e do Achadizo, en Boiro; ou o castro da Cidá, en Ribeira.
O dito proxecto desenvolverá, entre outras, accións de protección e sinalización de recursos, deseño e realización de rutas, ademais de implantación de novas ferramentas para a súa difusión.
A xestión estará dirixida por un Consello de Dirección do cal formarán parte dúas persoas representantes da institución provincial e dúas de cada unha das corporacións participantes. O convenio ten unha vixencia por catro anos, prorrogable a outros catro.