Continúan as xornadas para coñece-lo mundo marisqueiro
No 23 de xullo terá lugar a segunda das xornadas de turismo mariñeiro programadas para o verán na Pobra do Caramiñal. As persoas participantes achegaranse ata a praia dos Areos para coñecer o labor das mariscadoras, os aparellos que empregan e os bivalvos que medran nos areais do concello.
Organizada pola Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e pola Asociación Mar da Pobra, estas xornadas terán continuidade no mes de agosto, concretamente os días 6 e 20, na praia dos Raposiños.
O prezo para o desfrute desta experiencia cunha duración de noventa minutos estipúlase nos 12 euros para as persoas adultas e de balde para nenos e nenas menores de 10 anos. O punto de encontro establécese na oficina do turismo, situada na Casa Mariñeira, en horario de mañá. As inscricións pódense realizar no propio punto de información turística, a través dos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835, ou mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal.