O Concello e a Xunta rubrican o convenio para proseguir coa xestión autonómica da depuradora municipal nos próximos dous anos
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, asinaron na xornada do día 20 de setembro o convenio de colaboración polo cal Augas de Galicia continuará a encargarse da xestión da depuradora municipal durante os vindeiros dous anos e que se traducirá nun investimento de 1’7 millóns de euros, segundo manifestaron dende a Xunta. Rubrícase así o acordo despois de que a Administración local solicitase en abril a continuidade da xestión autonómica das instalacións hidráulicas.
A Xunta indica que, a través dun contrato de explotación das instalacións xa licitado o pasado mes de agosto, Augas de Galicia asume a xestión da planta e os traballos de conservación das instalacións que formen parte do sistema de depuración “para que cumpran os labores para os cales foron deseñados en condicións óptimas de funcionamento.” Neste senso, a Administración autonómica apunta que levará a cabo unha intervención complementaria na infraestrutura consistente na dotación dun novo sistema terciario. O proxecto centrarase na substitución do equipamento de desinfección e tamén se implantará un sistema de monitorización enerxética.
Pola súa parte, o Concello faise cargo no relativo ao control das verteduras na rede de saneamento e a mellora do emisario submarino, entre outras cuestións. A Administración local expresa o seu agradecemento á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade pola súa disposición á sinatura do referido convenio, a que se siga dando este servizo e no que respecta á actuación anunciada.