A Pobra vivirá unha nova xornada de atletismo co campionato provincial nas categorías menores
O estadio municipal da Alta, na Pobra do Caramiñal, acollerá no 29 de maio o Campionato Provincial de Atletismo en Pista ao Aire Libre nas categorías benxamín/benxamina, alevín/alevina e infantil, tanto masculinas coma femininas.
Numerosos/as atletas tratarán de logra-las mellores marcas en carreira, salto de lonxitude, lanzamento de peso, pértega, pelota, xavelina, disco, martelo, salto de altura e salto triplo. Ademais, haberá probas combinadas na modalidade infantil.
O evento deportivo desenvolverase ao longo de toda a xornada e seguirase o protocolo establecido por mor da COVID-19.
Organiza a Secretaría Xeral para o Deporte coa colaboración da Federación Galega de Atletismo (FGA), a Concellaría dos Deportes -da cal é titular a edil Genoveva Hermo (Nós Pobra)-, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Agrupación Deportiva Escolar As Rías.