Constituída a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero na Pobra
A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero constituíuse no 27 de xuño na Pobra do Caramiñal nunha reunión copresidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e polo alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), tal e como se acordara na última Xunta Local de Seguridade.
Estes órganos permiten promover políticas e actuacións para a detección precoz desta lacra social, así como erixirse como ferramenta para a sensibilización da veciñanza, polo que nesta mesa tamén participan persoal técnico da Administración local, Policía local, Garda Civil e representantes do eido educativo e do tecido asociativo.
Neste senso, a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), puxo en valor que este instrumento operativo busca a implicación dos distintos ámbitos do concello co obxectivo de “darlle unha resposta eficiente aos casos de violencia que se produzan no ámbito municipal.”
Trátase, polo tanto, dun paso máis na loita contra a violencia machista. A este respecto, o rexedor apuntou que tamén se mantivo nesa mesma xornada un encontro coa xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña, María Isabel Álvarez García, para avanzar nos trámites de incorporación ao sistema VioGén e establece-la coordinación neste ámbito entre as forzas de seguridade presentes no termo municipal.
Pola súa parte, a subdelegada cualificou a constitución desta mesa como algo “transcendental” coa finalidade de coordina-los servizos e recursos para actuar na prevención da violencia machista. Coa incorporación da Pobra do Caramiñal, xa son 34 os concellos da provincia da Coruña que traballan con mesa de coordinación. Actualmente hai activos máis de 1900 casos de violencia de xénero na provincia, “polo tanto, son máis de 1900 razóns para seguir afondando nesta loita e optimizar tódolos recursos e instrumentos que temos á nosa disposición para garanti-la seguridade destas mulleres.”