Nova xornada de portas abertas no centro de día da Pobra
A concelleira dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo (BNG), visitou no 14 de setembro o centro de día da localidade con motivo da xornada de portas abertas que organizan periodicamente.
Acompañada da directora da instalación, Fátima Sendón, tamén tivo ocasión de coñecer de primeira man unha exposición que xira arredor do libro Antiga dorna polbeira de Castiñeiras, escrito hai máis dunha década por Juan Pérez Martínez, Xandomar, quen é usuario do centro. Na obra relata a arte da pesca, así como as súas vivencias e coñecementos dende que comezou a ir ao mar con 7 anos.
Ademais do volume, a mostra consta dunha maqueta da dorna en que pescaba e diversas reproducións de aparellos elaborados polas persoas usuarias no taller de ergoterapia: francada, poutada, remos, ronca para cravar congros, gradella con chumbada das fanecas e vela de relinga trapezoidal.
A edil puxo en valor este tipo de iniciativas coas cales “achegarnos á memoria dos avós”, ademais de resalta-lo labor do equipo de profesionais no coidado das nosas persoas maiores.