
O Concello da Pobra afianza a seguridade no transcurso da procesión do Nazareno
A procesión votiva das mortallas percorrerá o núcleo urbano da Pobra do Caramiñal no 18 de setembro; será un evento que se estima que congregue unha multitude de fieis. Para tal ocasión, o Concello pon en marcha un amplo operativo para a prevención de situacións de risco.
O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e o edil da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), manifestan o esforzo realizado para garanti-la seguridade coas medidas adoptadas e insisten no cumprimento das normas, ademais de evita-las aglomeracións. Así mesmo, agradecen a cooperación de numerosas institucións na prestación de medios humanos e materiais para intensifica-lo mecanismo.
O Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) converterase no centro de coordinación do dispositivo, que se situará no interior da praza Alcalde Segundo Durán. Outra das accións é a distribución de videocámaras por todo o itinerario que remitirán as gravacións ao mencionado camión para o control da comitiva.
Refórzase tamén o número de efectivos con membros da Policía local da Pobra, de Rianxo, da Comandancia da Garda Civil da Coruña e da Protección Civil de varios municipios.
Cara á prevención de emerxencias sanitarias, oito técnicos acompañarán a procesión dotados de desfibriladores e material de primeiros auxilios. Tamén se disporá de catro ambulancias de soporte vital básico (con dous técnicos cada unha) e unha de soporte vital avanzado (médica/o e enfermeira/o).
Doutra banda, entre as 08.30 e as 15.00 horas procederase co corte do tráfico rodado na AC-305 (no tramo comprendido entre a rotonda preto da estación de autobús e a entrada á rúa Venecia), así como da AC-302 (dende o cruzamento da Atalaia ao centro da vila). Por esta razón, a circulación desviarase pola estrada a carón do mar no treito xa referido, mentres que para o desprazamento entre os concellos circundantes se recomenda emprega-la AG-11.
No que respecta ao estacionamento, aconséllase o aparcadoiro da zona de Venecia, no Campo da Feira ou na periferia do punto neurálxico da cita.