Presentación do proxecto Descarboniza, que non é pouco. Mulleres contra a emerxencia climática
Feitoría Verde presenta o proxecto Descarboniza, que non é pouco. Mulleres contra a emerxencia climática, que conta coa colaboración da Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra).
Esta iniciativa ten que ver coa importancia do papel das mulleres ante a emerxencia climática: organizar e acompañar a grupos de mulleres dispostas a contribuír á descarbonización das súas comunidades e aumentar a súa resiliencia comunitaria fronte á cuestión de xénero. O acto de presentación terá lugar no 29 de outubro, a partir das 17.00 horas, na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal.
Os obxectivos deste proxecto son facilita-la transición ecolóxica cara a sociedade e comunidades baixas en carbono, valora-lo potencial das mulleres como axentes de cambio na descarbonización da súa contorna, dinamiza-los contornos rurais centrando o traballo nas súas mulleres e potencia-la concienciación social dos grupos participantes sobre a cuestión de xénero.
Atópase cofinanciado pola Deputación da Coruña ao abeiro das subvencións a entidades sen fins de lucro para o mantemento de programas de políticas de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero no ano 2022.