A Pobra abre o prazo do concurso de ideas para a escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero
O Concello da Pobra do Caramiñal dedicará unha escultura ás vítimas da violencia de xénero para así homenaxear estas mulleres e lanzar unha mensaxe de repulsa á violencia machista. A Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), convoca así un concurso de ideas para o deseño da talla ó abeiro da programación do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller.
O prazo de recepción das propostas abre hoxe trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP), no 14 de novembro. As persoas interesadas dispoñen de 30 días naturais para realiza-la entrega do material xunto coa documentación requirida no rexistro xeral, por correo ou en calquera das formas determinadas no procedemento administrativo común das administracións públicas. Tamén é preciso achegar unha copia da solicitude de participación a través do enderezo electrónico igualdade@apobra.gal.
Dos traballos presentados, o xurado elixirá a obra gañadora, que terá como premio unha dotación económica de 3 000 euros, a entrega dun diploma e a adxudicación da realización da escultura por un importe máximo de 9 000 euros. A segunda mellor valorada será galardoada cun accésit.
A técnica e concepción escultórica son de libre elección, considerando a viabilidade da reprodución tridimensional da proposta no material definitivo. No que respecta á temática, deberanse representar conceptos relacionados coa finalidade do proxecto. Ó certame poderá concorrer calquera persoa maior de 18 anos que cumpra cos requisitos indicados nas bases. Entregarase un máximo de dúas obras por autor/a que deberán ser orixinais, inéditas e de creación propia.
As bases completas están ó dispor na páxina web www.apobra.gal, na sede electrónica municipal e no taboleiro de anuncios do Concello. Para a resolución de dúbidas habilítase o teléfono de contacto 981832764, marcando a opción 6, ou a referida vía electrónica.