As paxes reais anuncian a inminente visita de Melchor, Gaspar e Baltasar á Pobra
A poucos días da visita das súas maxestades os Reis do Oriente, a maxia impregna xa cada recuncho da Pobra do Caramiñal. As paxes reais achegáronse na tarde do día 2 de xaneiro ata a praza Alcalde Segundo Durán para recibiren cartas e peticións das crianzas para llelas comunicar a Melchor, Gaspar e Baltasar. A maioría dos agasallos que solicitaron foron xoguetes tales como dinosauros, peluches ou bonecas, pero tamén houbo algún neno e algunha nena que simplemente desexaba felicidade.
As emisarias recompilaron toda a información para pasárenllela aos Reis Magos e aconselláronlle á rapazada ir cedo para a cama e deixar algún petisco baixo as árbores do Nadal.
O Concello pobrense está ultimando os preparativos para a estadía de Melchor, Gaspar e Baltasar na localidade durante o día 5. Será unha xornada intensa que comezará cun percorrido en vehículos por tódalas parroquias. Igual ca en anteriores anos, habilitarase a retransmisión en directo a través da canle do Youtube da Administración local. Partirá ás 11.00 horas dende a aldea de San Paio e finalizará arredor das 14.20 horas na casa consistorial, onde repoñerán forzas para o periplo da tarde.
O itinerario previsto é o que segue: San Paio, Armental, Vilas, O Foxo, O Cruceiro Novo, A Crocha de Poñente, A Ponte Barbanza, Roupión, A Granxa, A Casa Queimada, A Virxe do Monte, O Campo da Feira, A Atalaia, A Baiuca, A Pontenaveira, Banda ó Río, O Sobral, A Mirandela, Xunqueiras, A Devesa, A Casanova, O Campiño, As Pedriñas, Caíños, As Pedriñas, O Outeiro, O Arcebispo, A Laxe, A Lombiña, A Costa, Os Areos, O Alto do Maño, lugar de Cabío, O Xobre, a igrexa do Maño, a aldea da Ponte, Vilariño de Abaixo, A Silva, O Castro, Bandaseca, A Pontenaveira, A Figueira, O Camiño Ancho, A Pedreira, A Tomada, Quintáns, Lesón, Os Vilares, A Gándara, As Pedriñas, O Cruceiro, Santa Cruz, A Aldea Vella, Roupión, Rosamonde, Rego, Tarrío, Os Agros da Atalaia, O Campo da Feira, San Lázaro – A Poza de Moraña, O Hórreo, As Pontes, A Crocha de Levante, A Crocha de Poñente, A Ponte Barbanza, Campomuíños, O Sanguilexo, O Cruceiro Novo, Santo Isidro, A Conga, O Pumadiño, Os Casás, O Vilariño, Ouxo, O Freixo, Cadreche, Saborido, O Campo, A Mercé, O Camiño Real, O Conchido, A Ribeiriña, A Angustia, O Cagulo, A Crocha de Levante, A Angustia, A Lomba, O Cruceiro, O Petón, A Corredoira da Seca, As Pontes e San Lázaro. Pódese consultar premendo aquí.
Retómase, ademais, a tradicional cabalgata polo núcleo urbano. As carrozas sairán ás 17.30 horas do polideportivo municipal de Venecia para se desprazaren a carón do mar polos Areos, cunha parada na praza Alcalde Segundo Durán para face-la ofrenda no portal de Belén, e seguiren pola rotonda da Covecha cara á estrada principal en dirección ao consistorio, onde pronunciarán o seu discurso e recibirán os cativos e cativas. Troula Animación, Trécola, Axeigo e Charanga Era Visto integrarán a comitiva. No dispositivo participarán a Policía local, a Protección Civil e arredor de 50 persoas na organización do evento. En caso de chuvia, focalizarase toda a acción da tarde na dita instalación deportiva.
Repartiranse preto de 2 000 quilogramos de caramelos aptos para persoas celíacas.