Os Reis Magos repartiron maxia por tódolos recunchos da Pobra
A ilusión marcou o 5 de xaneiro coa visita de Melchor, Gaspar e Baltasar á Pobra do Caramiñal antes dunha intensa noite de repartimento de agasallos. Neste 2023 conxugaron o percorrido polas parroquias coa cabalgata tradicional. A xornada arrancou pola mañá na aldea de San Paio para achegarse en vehículos a cada recuncho do termo municipal. O itinerario púidose seguir en directo a través do Facebook do Concello da Pobra do Caramiñal, onde permanece colgado o vídeo.
Xa pola tarde, desprazáronse ata a residencia e o centro de día para ter un encontro coas persoas usuarias para despois saír coas carrozas do polideportivo municipal de Venecia. Unha ansiada cita que congregou a multitude de persoas no núcleo urbano da localidade. Troula Animación, Trécola, Axeigo e Charanga Era Visto tamén formaron parte da comitiva.
Deseguido discorreu polo paseo dos Areos, a carón do mar, para deterse momentaneamente a efectuala ofrenda no portal de Belén instalado na praza Alcalde Segundo Durán, amenizada polas integrantes máis novas da asociación Arrancadeira. O itinerario proseguiu ata a rotonda da Covecha para colle-la estrada principal dirección o consistorio. Alí, pronunciaron un animado discurso e recibiron ás crianzas para que lle transmitisen os seus desexos en persoa e inmortaliza-lo momento con numerosas instantáneas.