A segunda edición do concurso de microrrelatos Igualdade, conta comigo! queda sen adxudicar
O xurado da segunda edición do concurso de microrrelatos Igualdade, conta comigo! decide deixar sen adxudica-los premios tanto da categoría adolescente coma da adulta. Integrado por técnicas municipais da Igualdade e profesoras da secundaria, o tribunal ditamina que ningún do total de 7 textos presentados (6 na modalidade adulta e 1 na adolescente) se axusta aos parámetros establecidos.
A segunda convocatoria deste certame enmárcase na programación deseñada pola Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal para conmemora-lo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, co obxectivo de fomentar uns valores baseados na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e eliminar comportamentos e actitudes que manteñen os estereotipos de xénero.