A Pobra despide as XXV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán coa tradicional ofrenda cívica e unha nova exposición
A Pobra do Caramiñal volveu render tributo un ano máis a Valle-Inclán, e xa vai un cuarto de século. O Cantón da Leña converteuse en escenario da tradicional ofrenda cívica coa asistencia de membros da corporación municipal e veciñanza que se quixo sumar aos actos que marcaron o remate da vixésimo quinta edición das xornadas de homenaxe.
Na súa intervención, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, puxo en valor os vinte e cinco anos de traxectoria desta axenda, que, en cada convocatoria, e co traballo diario da institución museística, buscan aviva-lo ronsel valleinclaniano e poñer A Pobra do Caramiñal no mapa literario mundial.
A este respecto tamén se pronunciou o alcalde, José Carlos Vidal, quen, ademais, se referiu ao seu primeiro contacto coa obra de Valle-Inclán: a lectura de La lámpara maravillosa coa que descubriu a un escritor cuxa fama e talento transcende España e se estende a todo o ámbito internacional.
No acto tamén participou o director xeral da Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen reiterou o apoio da Xunta de Galicia a esta iniciativa tan relevante para o eido cultural.
E, xa centrándose nos fondos do Museo, interviñeron o seu director, Antonio González, e o investigador Xaquín del Valle-Inclán Alsina. Ámbolos dous estableceron un breve preámbulo sobre a nova exposición da sala de Iconografía da propia institución museística, a cal abriu ao público unha vez colocado o arranxo floral a carón do monumento de Valle-Inclán ao son do himno galego con Trécola.
Baixo o título “Locus amoenus”. Obxectos persoais do escritor, da colección de Xaquín del Valle-Inclán Alsina, a dita mostra está integrada por contidos orixinais únicos como, por exemplo, un bureau, varios bastóns, tarxetas, uns botíns, un chapeu, clixés tipográficos ou dúas petilleiras.