Máis de 750 comensais participaron no Xantar de Confraternidade da Pobra
Bo ambiente, música, brinde de copas, comida… O polideportivo municipal de Venecia congregou neste 17 de novembro a máis de 750 comensais co Xantar de Confraternidade da Pobra do Caramiñal. A Concellaría dos Servizos Municipais organizou un ano máis esta gran xuntanza destinada a persoas maiores de 60 anos de toda a comarca para estreitar lazos e gozar dunha xornada festiva.
A música tradicional dos Caraveiros soou durante a recepción dos/as asistentes para xa, unha vez todos/as sentados/as á mesa, dar paso á benvida por parte das autoridades.
A concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, fixo referencia aos numerosos departamentos municipais que se involucran para que este evento sexa unha realidade, así como agradece-lo altruísmo da Protección Civil na organización da entrada das persoas asistentes.
A edil tamén tivo palabras de recoñecemento á disposición das empresas que, neste ano, contribuíron á realización desta cita: Congalsa, Elektro Batalla, Construcciones Constrios, Gadis, Albacora, Excavaciones Nima, Conservas Ramón Franco, DS Smith Cartogal, Escurís, Fripusa, Conservas Ría de Arosa, Construcciones Fermín Simal, Vegalsa-Eroski, Limpiezas Noroeste e Publicolor Serigrafía.
Engadiu que este xantar se celebra nun polideportivo renovado, cuxas obras remataron no mes de setembro e comprenderon, entre outros aspectos, unha cuberta nova, pista e luminarias LED. O investimento total ascendeu aos 464.000 euros.
En representación da Deputación da Coruña, María del Mar García Vidal, deputada de Política Social, Educación e Mocidade, destacou a relevancia deste tipo de iniciativas para facer comunidade e trasladou o saúdo do presidente da institución provincial, Valentín González Formoso.
Con relación á importancia de pasar tempo xuntos/as tamén se pronunciou o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, quen desexou que esta xornada sexa do desfrute dos/as asistentes.
O himno galego pechou a quenda de intervencións para, deseguido, dar conta do menú composto por dous mariscos, peixe, carne, sobremesa, café e bebidas variadas.
Tamén houbo o sorteo de varias cestas do Nadal cortesía de Gadis e o baile da tarde chegou da man de Trío Mar Davila.