A fotografía do ex-alcalde Isaac Maceiras xa loce no salón de plenos pobrense
O Concello da Pobra do Caramiñal rendeu na mañá deste 2 de decembro recoñecemento institucional a quen foi alcalde durante dezaseis anos, entre 1999 e 2015: Isaac V. Maceiras Rivas.
Como xa é tradición na localidade, efectuouse a colocación da fotografía do ex-rexedor nun acto no que participaron membros da corporación municipal baixo a presidencia do actual alcalde, José Carlos Vidal, e da concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo; edís populares que integraron os gobernos locais nos catro mandatos de Maceiras; e, por suposto, a súa familia e amizades como, por exemplo, o ex-rexedor de Boiro, Xosé Deira, ou o de Ribeira, Manuel Ruiz, con quen o homenaxeado compartiu momentos debido, en boa medida, á unión dos municipios a través da Mancomunidade Barbanza Arousa.
A concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo, foi a encargada de abri-la quenda de intervencións, animando a seguir fomentando a vocación de servizo público dende os distintos organismos “por e para o beneficio da nosa comunidade.”
Tamén o actual mandatario local, José Carlos Vidal, fixo referencia a isto, facendo especial énfase no vínculo que compartiron el e o homenaxeado, cando o primeiro foi bibliotecario municipal durante trinta e cinco anos, e, o segundo, rexedor durante case a metade dese período. Vidal salientou a calidade humana de Maceiras, afirmando que “sempre estaba disposto a recibir a todo o mundo e intentar solucionar os seus problemas.” A evidente conexión coa literatura tamén se fixo notar ao citar a Unamuno: “el modo de dar una vez en el clavo, es dar cien veces en la herradura.” Neste senso, manifestou que “seguro que nestes primeiros catro meses din moitas veces na ferradura, pero podedes estar seguros que pouco a pouco, vou ir dando máis veces no cravo porque coñézome e vou conseguilo a base de traballo e de non desfalecer.”
No seu discurso, o homenaxeado confesou sentir unha enorme satisfacción persoal por ser xa parte da historia da localidade e “integra-lo elenco de persoas que puxeron o mellor de si a prol do beneficio e o crecemento económico e o emprego, posto que a política é a arte de resolve-los problemas do pobo ao cal témo-la obriga de facer feliz.” Quixo tamén agradece-lo labor de quen durante dezaseis anos o acompañou, dende os seus compañeiros/as de partido ata o persoal do Concello, sen esquecer, por suposto, á súa familia, porque “todos xuntos logramos cumpri-los nosos programas e os nosos compromisos co noso pobo. Síntome orgulloso de todos eles.” E, se de algo pode presumir A Pobra é da súa beleza como municipio, pero tamén do talante da súa xente, polo que avogou por seguir traballando arreo no seu beneficio nos distintos ámbitos, especialmente, no crecemento económico e o emprego.
Posteriormente, impúxoselle a medalla e plasmou a súa sinatura no libro de honra do Concello, ademais de recibir dous agasallos institucionais: unha dorna de cerámica e unha metopa de sobremesa con dedicatoria.
E, xa chegado o gran momento da xornada, Isaac Maceiras asistiu ao descubrimento do cadro coa súa fotografía da man dos seus netos e netas: Sonia, Carlota, Alberto e Miguel. Deste xeito, pasa a estar sempre presente de maneira simbólica na casa consistorial.