A Pobra reparte as últimas caramiñas e prepárase para o sorteo da viaxe a Eurodisney
O Nadal chega á súa fin e, con ela, a campaña Consegue Caramiñas, Comparte Nadal. A concelleira da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo, fixo a entrega das últimas caramiñas por un importe de 200 euros para trocar nos establecementos adheridos, se ben ata o día 5 de xaneiro existe a posibilidade de gaña-la viaxe familiar a Eurodisney para catro persoas que patrocina a empresa Congalsa entre tódalas instantáneas tomadas dende o inicio desta acción orientada ás redes sociais.
As persoas que desexen optar a este premio deben comparti-las fotografías tomadas nos photocall coñecidos como Recunchos do Nadal nas historias do Instagram, mencionando a conta @caraminhasnapobra.
Os ditos espazos están habilitados na Covecha, na praza de Galicia, na praza dos Irmáns Axeitos, no Mercado do Nadal, no parque de Raquel Fernández Soler, no Fogar do Nadal e na praza Victoriano García Martí.