A rexeneración da fachada marítima da Ribeiriña culminará nas vindeiras semanas
A supresión de elementos con impacto negativo na paisaxe e contribuír á valorización da fachada marítima da Ribeiriña motivaron as obras de rexeneración nos terreos de dominio público marítimo-terrestre cuxa concesión se lles outorgara, na época correspondente, ás fábricas La Onza de Oro e Hadasa; unha intervención iniciada na primavera do pasado ano trala recuperación desta superficie por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e que concluirá nas vindeiras semanas.
Para lograr reverter ao seu estado natural unha área de aproximadamente 5500 metros cadrados, procedeuse coa demolición da explanada, coieiras e ramplas. A maiores, integrouse na paisaxe unha senda litoral como transición entre a costa e os núcleos de vivendas próximos.
O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, e a concelleira das Obras, Patricia Lojo, acompañaron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o xefe da Demarcación de Costas, Carlos Gil, na supervisión desta actuación financiada con 800 000 euros procedentes dos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
Rivas explicou que este proxecto se suma á posta en marcha do Plan de sostibilidade turística no destino Barbanza-Arousa e do Destino Turístico Intelixente para os concellos que integran o ente supramunicipal. Durante a súa visita, a subdelegada do Goberno tamén fixo fincapé na necesidade de “apoia-los municipios, especialmente os máis pequenos, na mellora dos seus servizos e infraestruturas para frea-la perda de poboación e para lles garantir aos seus habitantes un futuro coas mesmas oportunidades para todos e todas.”
Pola súa parte, o rexedor indicou que esta acción focalizada na rexeneración de espazos ambiental e visualmente degradados redunda tamén positivamente na seguridade, por adecua-la zona. Trátase, polo tanto, dunha intervención executada polo Goberno central na Ribeiriña que se suma a outras promovidas nos últimos anos polo Concello como, por exemplo, o acondicionamento da contorna do centro sociocultural, por un importe de 47 314 euros, ou a segunda fase da reforma integral do Camiño Real, por 81 910’76 euros; quedan aínda pendentes a primeira e terceira parte debido á complexidade das tramitacións. No que respecta á nave de Hadasa, Vidal remarcou que a Administración local opta pola derriba da estrutura, polo cal se continúa traballando neste eido.
No seu desprazamento á localidade, a subdelegada tivo ocasión de asinar no libro de honra do Concello e recibiu unha dorna de cerámica como agasallo institucional.