A creatividade verase recompensada no Entroido pobrense con 5 125 euros en premios
Febreiro é sinónimo de filloas, retranca, disfraces e troula con ocasión do Entroido. A Pobra do Caramiñal conxugará a tradición con novas propostas para esta festa popular de gran valor etnográfico para Galicia. Premiarase, ademais, a creatividade a través de dous concursos que, coas gratificacións ás carrozas, repartirán 5125 euros no total. “Trátase dunha axenda pensada para o desfrute de tódolos públicos que descentraliza tamén algunhas accións do centro urbano para levalas a outras áreas do municipio, como sucede co domingo de Piñata, que este ano é unha das novidades, xa que optamos por incorporalo no noso programa para incrementa-la oferta lúdica”, nas palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo, durante o acto de presentación no cal estivo acompañada da técnica municipal desta área, Fita Sanisidro.
A animación de rúa e as actividades para a mocidade centran o inicio do cartel. No venres 9, Sarao levará o espectáculo itinerante O bosque vivente dende O Cantón da Leña ata os Xardíns de Valle-Inclán, das 19.30 horas en diante. Xa pola noite terá lugar unha festa de disfraces na praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 22.30 horas. Estará amenizada por Discomóvil Chocolate e contarase cun photocall.
A diversión continuará no sábado 10 coas mesmas propostas, nas cales Troula asumirá o rol de dinamiza-las rúas pola tarde con Pachamama e súmase a actuación da charanga Caña Aquí no mediodía.
As crianzas serán as protagonistas do domingo 11 coa gran festa infantil na praza Alcalde Segundo Durán, dende as 17.00 ata as 20.00 horas. Haberá inchables, obradoiros, chocolate con churros e actuación con Animar-T. Tamén se realizará un concurso para a rapazada de ata 12 anos, con cinco premios no total: un primeiro premio, de 200 euros; un segundo, de 150; un terceiro, de 125; un cuarto, de 100 e un quinto, de 75.
Os disfraces gañadores deberán participar no desfile do martes 13, que arrancará ás 17.30 horas dende A Covecha para se dirixir polo núcleo urbano ata as inmediacións da E.E.I. Fernández Varela, na rúa Castelao. Alí procederase co segundo dos certames da programación, dirixido, nesta ocasión, a maiores de 13 anos. A youtubeira Nuska Chousa presentará a particular gala onde se decidirá quen leva cada unha das catro distincións nas tres categorías definidas: carrozas (un primeiro, de 700 euros; un segundo, de 400; un terceiro, de 200; e un cuarto, de 150); grupos (400, 300, 200 e 150 euros, por esta orde) e parellas/individuais (200, 150, 125 e 100 euros, respectivamente). Na comitiva tamén participarán as comparsas Samieira, Os da Caña, As Sonecas e Cor Café.
As inscricións pódense formalizar na casa da cultura Raquel Fernández Soler ou no enderezo electrónico culturapobra@gmail.com ata o propio día 13, ás 12.00 horas.
A tradición vivirase no sábado 17 co enterro do Felipiño do Maño organizado pola veciñanza da parroquia do Xobre. O singular cortexo fúnebre partirá ás 18.00 horas dende O Campo do Maño, co acompañamento da charanga BB+. Percorrerá as rúas da vila ata a queima do querido personaxe do Entroido na rampla do pantalán.
E, se hai un lugar que vive de maneira especial estas datas, ese é A Crocha. Tódolos anos, os veciños e veciñas decoran esta zona da localidade dun xeito acorde coa temática destas datas para dotala dun ambiente festivo. Por iso, o Entroido despedirase alí no día 18, domingo de Piñata, cunha chocolatada e a actuación dun grupo de gaitas, a partir das 18.00 horas, pondo así o broche de ouro.
Na páxina web municipal www.apobra.gal pódense consulta-las bases dos referidos certames.