O público pobrense mergullouse na historia de Las tribulaciones de Bruno Lamas
Finais da década dos 70. Un xornalista dun importante diario da Coruña. Unha colaboración coa Brigada Político-Social, a policía do réxime franquista, que xorde do azar. Bruno Lamas é o personaxe ficticio que protagoniza a nova obra de Juan Galán. Nun cento de páxinas relátase a historia dun antiheroe golpeado polo destino e decisións desacertadas.
O autor presentou a súa novela na tarde do 26 de abril, no Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, onde estivo arroupado pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo.
Este non é o primeiro libro que publica Galán, quen xa conta con varios traballos na súa carreira literaria. Con relación aos mesmos, a edil puxo de manifesto que abordan o noso pasado recente unindo ficción e episodios históricos. “Nalgúns dos seus textos introduce o concepto da memoria histórica, polo que á súa faceta como escritor suma a de investigador nesta materia, tal e como sucede en Las tribulaciones de Bruno Lamas, no que conxuga a condición humana e a crónica social e política”, precisou Lojo.