Ata o día 6 de xuño para presenta-las solicitudes de participación no proceso selectivo para unha bolsa de emprego supletoria do Servizo de Axuda no Fogar da Pobra
O prazo de presentación de solicitudes e entrega da documentación para participar no proceso selectivo para unha bolsa de emprego supletoria do Servizo de Axuda no Fogar permanece aberto ata o día 6 de xuño, inclusive.
Trátase dunha convocatoria efectuada pola parte do Concello da Pobra do Caramiñal destinada á contratación de persoal laboral de duración determinada para a cobertura temporal do posto de traballo de auxiliar do SAF. O obxectivo é garanti-la cobertura de xeito temporal das vacantes por permisos, vacacións ou incapacidades laborais temporais.
A dita bolsa será supletoria das aprobadas anteriormente, polo cal se empregará cando non exista persoal dispoñible nas anteriores.
Entre os requisitos figuran te-lo título da formación profesional do grao medio de Atención Sociosanitaria ou o equivalente, do grao medio en Coidados Auxiliares de Enfermaría, ou do certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio. Tamén é preciso estar na posesión do permiso de condución da clase B e poder dispor dun vehículo para se desprazar no horario laboral, ademais do coñecemento do galego correspondente co nivel do Celga 2.
O proceso de selección será polos méritos. Valoraranse de acordo cos criterios seguintes: o tempo da experiencia no posto de persoal de axuda no fogar ou afín, a categoría profesional no traballo inmediatamente anterior como persoal de axuda no fogar ou afín, e a formación académica.
Presentaranse as solicitudes de participación mediante unha instancia no rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal, no horario das 09.00 ás 14.00 horas, xunto con toda a documentación necesaria para valora-los méritos mencionados. O anuncio desta convocatoria publicouse no 15 de maio no taboleiro de anuncios da sede electrónica, onde permanece colgado o texto íntegro.