O Concello da Pobra amplía o prazo de inscrición nos obradoiros de Robótica e Deseño e Impresión 3D
Durante os martes das vindeiras semanas impartiranse obradoiros de Robótica e Deseño e Impresión 3D promovidos pola Concellaría da Mocidade da Pobra do Caramiñal.
Con relación aos mesmos, amplíase o prazo de inscrición, polo que tamén permanecerá aberto ao longo de toda a presente semana para a cobertura da totalidade das prazas ofertadas. Este trámite formalizarase a través do enderezo electrónico mocidade@apobra.gal ou do teléfono de contacto 981843281.
Deste xeito, retrásase o inicio deste itinerario formativo de balde. Finalmente, serán nos martes 12, 19 e 26 de novembro e 3 de decembro, na Casa da Mocidade.
“Con estas dúas accións seguimos formando á cidadanía en competencias dixitais. Son dúas actividades gratuítas e dirixidas a tódalas idades. Quedan algunhas prazas libres en cada unha, polo que optamos por incrementa-lo tempo para anotarse e retrásase, polo tanto, o inicio deste itinerario formativo. Queremos que se completen os grupos para que que tamén se establezan interesantes sinerxías dentro da súa dinámica”, explica o concelleiro da Mocidade, Eloy Sobrido.
Robótica terá lugar das 16.00 ás 18.00 horas e versará sobre a programación de videoxogos en Scratch; electrónica e programación de compoñentes en S4A; e manexo e programación dun robot.
Doutra banda, Deseño e Impresión 3D será dende as 18.00 ata as 20.00 horas, tramo no cal se fará unha introdución á impresión 3D, deseños en Tinkercad, instalación e uso do laminador Cura e impresión de pezas.