A Pobra sortea 2.400 euros en vales de compra para as ceas de Noiteboa e fin de ano
O Nadal é tempo de sentar á mesa para compartir momentos desfrutando de menús con materia prima fresca e de calidade. Baixo esa premisa, a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal, coa colaboración da Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, lanza a campaña dirixida ao mercado municipal co lema Volta o Nadal, voltan as Caramiñas. Os obxectivos son, segundo apuntou a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, “poñer en valor o traballo dos praceiros e das praceiras e o produto de proximidade. Por iso decidimos repeti-la campaña por segunda vez dado o éxito do ano pasado.” Sortearase entre a clientela o importe da compra da cea de Noiteboa e a de fin de ano.
Pola súa parte, a técnica municipal desta área, Sara Sánchez, encargouse de explica-la dinámica desta campaña que abrangue do día 2 ao 21 de decembro. Por cada dez euros de compra, entregarase un boleto en formato de caramiña. Esta deberase cubrir con nome, apelidos e teléfono de contacto para depositar nas urnas colocadas no interior da referida instalación municipal.
No transcurso, faranse dous sorteos: o primeiro será no día 16 e o segundo no día 23. Haberá un primeiro premio de 400 euros, dous segundos de 200 euros e catro terceiros de 100 euros. Repartiranse no total 2.400 euros a trocar pola compra nos postos do mercado municipal (ata o día 24 para a cea da Noiteboa e ata o día 31 para a cea de fin de ano).