As vivendas mellor decoradas da Pobra polo Nadal xa teñen premio
Un ano máis, a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal apostou por involucra-la veciñanza na mellora estética da localidade polo Nadal a través do certame para incentiva-la decoración exterior dos fogares.
O V Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas xa ten as vivendas gañadoras desta convocatoria. A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, fixo entrega das distincións ás persoas propietarias no 14 de decembro en formato de vale/caramiñas para trocar en diferentes establecementos comerciais e de servizos do municipio.
“Preto dunha trintena de domicilios participaron nesta edición do concurso que busca potencia-la creatividade da veciñanza e incrementa-la vistosidade das nosas rúas por esta época no seo da campaña Volta o Nadal, voltan as Caramiñas. Co repartimento dos galardóns por un importe de 2.100 euros en boletos tamén repercute positivamente no comercio local. Unimos así a dinamización social e económica da nosa localidade por estas datas tan significativas”, explica a edil.
O xurado decidiu adxudica-lo primeiro premio a un fogar situado en Bandaseca, cunha contía de 600 euros. E os cinco segundos, de 300 euros, un por cada parroquia, foron parar a unha vivenda no lugar de Cercias (Santa María do Xobre), na Pontenaveira (Santa María a Antiga do Caramiñal), en Tarrío (Santa Cruz de Lesón), na Crocha de Levante (Santo Isidoro de Posmarcos) e no Xogo da Bola (Santiago do Deán).
Deberán mante-la ornamentación ata o día 6 de xaneiro, inclusive.