A Pobra entrega as primeiras caramiñas no seo da campaña dirixida ás redes sociais Volta o Nadal, voltan as Caramiñas
Se hai un distintivo que caracteriza o Nadal pobrense dende o pasado ano son as caramiñas; a moeda en papel creada pola Concellaría da Promoción Económica para trocar nos comercios e establecementos de servizos da localidade.
Unha das iniciativas que se repiten é a orientada ás redes sociais co sorteo diario de 200 euros en formato de vale/caramiñas, ademais do premio final da viaxe familiar a Eurodisney que patrocina a empresa Congalsa.
A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, xa fixo entrega no Fogar do Nadal das primeiras caramiñas. Segundo declara a edil, “estamos en época de agasallar e nós facémolo con esta iniciativa que tamén aviva a ilusión propia destas datas. Funcionou moi ben no pasado Nadal, polo que decidimos repeti-la fórmula para dinamiza-la vida económica e social do noso municipio ao atraer tamén xente doutros concellos.”
Para optar a estes premios tan só é necesario sacar fotos nos photocall coñecidos como recunchos do Nadal situados na Covecha, no Fogar do Nadal (Casa Mariñeira), no parque de Raquel Fernández Soler, na praza dos Irmáns Axeitos, no Cantón da Leña, na praza Victoriano García Martí e na praza de abastos. As instantáneas compartiranse no apartado de historias do Instagram mencionando a conta @caraminhasnapobra. En caso de te-lo perfil privado, haberá que face-lo mesmo proceso e, a maiores, enviar unha captura de pantalla da historia á dita conta da rede social para que así se contabilice para o sorteo.
Ata o día 31 de decembro sortearanse diariamente 200 euros en caramiñas, mentres que ata o día 5 de xaneiro existe a posibilidade de gaña-la viaxe a Eurodisney entre tódalas imaxes captadas dende o inicio da actividade.