
Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
No ano 2015, a Asemblea Xeral da ONU estabeleceu o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia co fin de promove-lo acceso e a participación plena e equitativa na ciencia das mulleres e nenas.
Ademais de promove-la igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no ámbito científico é necesario visibilizar e recoñece-lo traballo realizado por moitas mulleres neste eido, onde sempre estiveron presentes.
Neste décimo aniversario, dende a Concellaría da Igualdade queremos conmemora-lo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia achegándolles ós centros educativos do noso municipio a obra Galegas na Ciencia, escrito por Isabel Blanco e ilustrado por María Lapido. Esta obra recolle a biografía de vinte galegas que abriron as portas da ciencia vencendo obstáculos e dándolles paso a milleiros de mulleres no ámbito científico. Este libro é unha homenaxe e un alento, é memoria e presente e, sobre todo, é saberse futuro.
Segundo a autora, o libro pretende animar “as novas xeracións a perseguir os seus soños sen importarlles o que os demais pensen; un libro que axudase a romper estereotipos de xénero e abrise as portas das ciencias a homes e mulleres por igual.”