
IBUPROFENO TEATRO PRESENTA “A FILLA DE WOODY ALLEN”
O sábado 12 de novembro ás 20.30 h. no teatro Elma.
O punto de partida de A FILLA DE WOODY ALLEN é o inicio dunha viaxe da protagonista na procura de seu pai, do cal só sabe que vive en Nova Iork e que lle manda un agasallo cada ano polo seu aniversario. Estes agasallos son tesouros para ela e constitúen un crebacabezas co que foi construíndo un mito que a acompaña no seu desenvolvemento vital. Atoparse con ese mito revélase como a vía para acadar a felicidade, pero tamén supón unha fuxida dunha vida cotiá insatisfactoria. Ela loita. É incansable. É vitalista. E pon todas as súas esperanzas nese ser descoñecido. A viaxe a Nova Iork é a viaxe a un mundo ideal; é a procura de algo por definir, unha interrogante vital que non sabe se será respondida.