
“ANIMUNDIS”, UNHA VIAXE MUSICAL PARA NENOS/AS E MAIORES, MARTES 3 DE XANEIRO ÁS 18.00 H NO TEATRO ELMA
Un espectáculo infantil en que a xente adulta desfrutará tanto coma a cativada dunha representación multimedia de música e teatro. Coidadísimas composicións de funk, swing e rock, acompañadas de divertidas e participativas letras, conforman o fío condutor desta obra coral, en que dous actores e catro músicos contan a historia de Bim “o pingüín friorento” e Kiwi “O paxaro que non podía voar”.
O espectáculo vese reforzado en dinamismo e contemporaneidade pola presenza dunha pantalla central presente durante toda a obra. Os actores interactúan coa pantalla a través de distintas imaxes e animacións, ata obteren como resultado un espectáculo moi fluído e actual. A historia móstranos (ás veces a través da risa e ás veces a través das emocións) as carencias dunha sociedade intolerante. Un espectáculo onde crianzas e maiores rirán, bailarán e aprenderán.
Organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal