“CRANIOS PRIVILEXIADOS OU CRÍTICA DA RAZÓN PERRALLEIRA”
MOFA E BEFA
“CRANIOS PRIVILEXIADOS OU CRÍTICA DA RAZÓN PERRALLEIRA”
Domingo 11 de novembro ás 19.00 h no teatro Elma
Elenco: Josito Porto e Vítor Mosqueira
Dirección: Quico Cadaval
O argumento presenta Mofa e Befa nun momento de crise existencial que deciden superar comendo, como manda a tradición perralleira. Para iso organizan unha merenda de resonancias platónicas debaixo dunha ponte, onde a alianza entre a desesperación e a sobriedade dos alimentos provoca un febril momento de ascetismo. As alucinacións sucédense e a obrigada reflexión sobre o absurdo da existencia, o confuso devir do mundo ou a natureza ferinte do amor vese salpicada pola aparición de filósofos, seres mitolóxicos, antigos personaxes do propio repertorio, e outras presenzas enigmáticas máis ou menos actuais, que acompañan e comprometen a tentativa desesperada de Mofa e Befa por aprender a pensar.
Talvez nesta sucesión vertixinosa de situacións e personaxes, reducido o diálogo filosófico á maltratada comparsa da vontade cómica, as grandes preguntas queden sen resposta; talvez os límites da razón perralleira sexan tan estreitos que esta apenas sexa quen de comprender minimamente a realidade. Con todo, a intención é só a de entrete-lo público coas filigranas e peripecias do pensamento abstracto, mesmo se iso aboca ó fracaso máis estrepitoso. Acepta-lo fracaso non é só a secreta ambición da filosofía senón tamén a premisa de vida de todo pallaso. E diso é do que se trata.
Entrada de balde ata completa-la cabida