19 de maio: catamarán pola Ruta Xacobea do Mar da Arousa e Río Ulla
Domingo 19 de maio sairá da Pobra do Caramiñal un catamarán para navegar por parte da Ruta Xacobea marítimo-fluvial do Mar da Arousa e Río Ulla, a cal conmemora o traslado do apóstolo Santiago dende Palestina ata Iria Flavia.
É unha ruta de gran riqueza paisaxística e cultural. No seu transcurso polo río Ulla verase a costa de ámbolos lados da ría da Arousa: Boiro, Vilagarcía de Arousa, Rianxo, Catoira e Pontecesures; praias, calas, cabos, enseadas, pontes, os cruceiros que pertencen ó único viacrucis marítimo-fluvial do mundo, as torres de Oeste, ata chegar ó lugar onde reza “Hic fuit corpus beati Jacobi” (“Aquí estivo o corpo do apóstolo Santiago.”). Unha experiencia única!
O catamarán sairá do porto náutico da Pobra do Caramiñal ás 15:30 h, mais é preciso estar 30 minutos antes. A hora de chegada estimada é as 19:30 h (4 horas de navegación aproximadamente).
Durante a viaxe iranse explicando os recursos de interese. Quen o desexar poderá levar algún petisco, aínda que haberá ágape de empanada e viño.
A empresa navieira só lles devolverá o importe íntegro do billete cando a propia empresa anule a viaxe por prognóstico meteorolóxico adverso ou por falta dunha cantidade mínima de persoas pasaxeiras.
As prazas son limitadas. As persoas interesadas en calquera das viaxes deben reservar e realiza-lo pagamento antes do día da viaxe, da seguinte maneira:
- a) A través do teléfono 986 320 048, no horario de 9:00 a 20:00 h
Tódalas persoas viaxeiras deberán facilita-los seguintes datos: nome e apelidos, e número do documento de identificación.
Para realiza-lo pagamento deberá proporcionar un número de tarxeta (nunca o PIN), coma se se tratase dunha compra pola Internet. Recibirá un correo electrónico coa confirmación da compra, que deberá presentar no barco o día da viaxe para retira-los seus billetes.
- b) A través da páxina web da empresa navieira: piratasdenabia.com.
Tódalas persoas deberán facilita-los seguintes datos: nome e apelidos, e número do documento de identificación.
Informarémolo/a
- no punto de información turística da Pobra do Caramiñal instalado no Museo Valle-Inclán en horario de martes a sábado, das 11.00 ás 14.00 h e das 17.00 ás 19.00 h;
- no edificio do concello, no 2.º andar, en horario de luns a venres pola mañá;
- chamando ó número de teléfono 671 090 262 ou ó 687 482 835;
- na páxina do Facebook oficial de Turismo, chamado Turismo A Pobra do Caramiñal, ou tamén a través desta web municipal: www.apobra.gal
É unha iniciativa da Concellaría de Turismo da Pobra do Caramiñal.