Recomendacións importantes para segui-lo percorrido dos Reis Magos
No día de hoxe, 5 de xaneiro, as súas maxestades os Reis do Oriente percorrerán o municipio e chegarán a tódalas parroquias. Deseguido figuran as recomendacións importantes:
1. Non acudir ao lugar da saída do itinerario se non vives nas proximidades. Non van permanecer alí máis tempo ca en ningún outro sitio; de feito, chegarán xa circulando nos seus vehículos.
2. En ningún caso tratar de segui-las súas maxestades no seu percorrido: isto é algo completamente prohibido e que as forzas de seguridade non permitirán.
3. Sempre que o traxecto pase por diante da propia casa, o máis recomendable é sauda-los Reis dende alí, sen saír á rúa. No caso de facelo, sempre respectando as distancias de seguridade e usando a máscara de protección.
4. Se o percorrido non pasa por diante xusto da nosa vivenda, debémonos achegar a un punto próximo en que poder contempla-lo paso das súas maxestades. Se é necesario desprazarémonos ata atopar un lugar onde poidamos respecta-las distancias de seguridade.
5. Nunca debemos ocupar un lugar onde xa hai persoas agardando o paso, infrinxindo nós a norma e impedíndolles a elas cumprila. Nese caso buscaremos outra alternativa camiñando ata atopa-lo lugar idóneo.
6. Existen moitos tramos no percorrido nos cales non existe ningunha vivenda, pode ser unha boa opción desprazarse ata eses lugares para ver pasa-los Reis. Sobre todo, se consideramos que podemos ter problemas no lugar máis próximo á nosa vivenda.
7. En calquera caso existen dúas normas fundamentais:
- Respectar sempre as distancias de seguridade.
- Usar sempre a máscara de protección se saímos da casa.
8. Instrución moi importante: o paso dos Reis será moito máis rápido se observan aglomeracións ou situacións de risco de contaxio da COVID-19.