A campaña Agora é o momento! focaliza unha acción medioambiental na praia da Corna
A campaña pobrense do voluntariado Agora é o momento! pon en marcha unha acción adscrita ao ámbito medioambiental. O edil do Voluntariado, José Andrés Lojo (Nós Pobra), precisou que esta consistirá na retirada de lixo na praia da Corna no 28 de marzo, en horario de 10.00 a 13.00 horas, coincidindo coa baixamar. O punto de encontro será onda Muebles Vizcaya, ás 09.45 horas.
A concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo (Nós Pobra), explicou que se centra “na mellora do contorno natural e zonas de costa.” Procederase así coa retirada dos elementos artificiais que o mar devolveu durante o inverno, é dicir, todo o tipo de obxectos de plástico, metal ou vidro, grandes e pequenos, de formas e cores variadas. Non se inclúen as algas, a madeira e os restos de cunchas porque estes non constitúen lixo, senón alimento, refuxio e lugar de reprodución dos organismos presentes no areal. Así mesmo, seleccionouse esta paraxe como foco da primeira intervención medioambiental pola necesidade de retira-los residuos antes da época do aniñamento da píllara das dunas, que se produce nos primeiros meses da primavera, polo cal, unha vez que a pequena ave aniña, a presenza de persoas e animais no seu contorno causa molestias con resultados tales como o abandono do niño ou a morte das crías.
A retirada do lixo efectuarase manualmente con material proporcionado polo Concello e non se empregará a limpeza mecánica para evitar estraga-las dunas ou retirar compoñentes naturais precisos para preserva-lo ecosistema.
Requírese a inscrición previa obrigatoria e disponse un límite de 20 prazas por cuestións de prevención sanitaria fronte á COVID-19 e organización da actuación. Se houber máis persoas participantes interesadas, teranse en conta para outras accións futuras. Disponse ata 24 de marzo para se anotar a través do teléfono de contacto 981843280, coa extensión 2008, ou do enderezo electrónico voluntariadopobradocaraminal@gmail.com. O proceso consistirá en cubrir unha ficha de inscrición e un convenio de colaboración, así como na entrega dunha foto de carné, para que a Administración local poida tramita-la alta no seguro, o cal non suporá ningún custo para as e os solicitantes. Ademais, para as persoas menores de idade, requírese ter feitos os 16 anos e entregar un permiso asinado polos seus proxenitores ou proxenitoras, ou por quen sexa responsable da súa tutela legal.
Cómpre lembrar que a campaña Agora é o momento! se estrutura en distintos terreos do voluntariado -social, medioambiental, cultural e de benestar animal-, resultado do traballo conxunto entre as concellarías.