Continúan na Pobra as actividades polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
A Pobra do Caramiñal segue inmersa nas actividades programadas pola Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no 25 de novembro. Debido á importancia da educación na consecución da igualdade, nesta semana terán lugar, fundamentalmente, accións dirixidas a alumnado do IES da Pobra do Caramiñal: a charla Prevención do acoso nas redes, que ofrecerá a Garda Civil a 4.° da ESO, no día 23; un taller de Educación Afectivo-Sexual, dirixido a 3.° da ESO e impartido ó abeiro do programa Quérote+, da Xunta, no día 25; e o obradoiro Acoso rueiro, destinado a 1.° de bacharelato da man da Fundación Mujeres, no día 26.
Ademais, no día 27, ás 18.30 horas, procederase no Auditorio do Museo Valle-Inclán co vídeo-palestra Violencia vicaria, que consistirá na proxección e charla coloquio da campaña DE FRONTE á violencia de xénero, da Deputación da Coruña, así como coa entrega de premios do concurso Lemas ilustrados para o fomento da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. As recompensas serán bonos de compra na plataforma dixital www.deanshop.es, que sumarán 420 euros. As bases proseguen ó dispor na páxina web www.apobra.gal.
Outras das actividades que se desenvolveron ó longo do presente mes enmarcadas na programación posta en marcha polo 25 de novembro foron unhas xornadas formativas para persoal técnico do Concello e da Policía local, así como para persoal docente; a sétima edición das Xornadas de Muller e Ciencia; un obradoiro STEAM para as crianzas (as siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas); e un contacontos infantil para os/as escolares da educación infantil que percorreu os colexios do municipio.
Cómpre lembrar que a Administración local pobrense se atopa adherida á campaña DE FRONTE á violencia de xénero, impulsada pola Deputación da Coruña, ademais de formar parte da En negro contra as violencias, á cal leva subscrita varios anos.