Entregados os premios ás persoas gañadoras do concurso de microrrelatos Igualdade, conta comigo!
No 26 de marzo efectuouse a entrega dos premios ás persoas gañadoras do concurso de microrrelatos Igualdade, conta comigo! posto en marcha pola Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal co obxectivo de fomentar entre a poboación uns valores baseados na igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e eliminar comportamentos e actitudes que manteñen os estereotipos de xénero. A edil da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), foi a encargada de face-la entrega dos galardóns, que consisten en bonos de compra na plataforma web www.deanshop.es e repartíronse un total de 600 euros.
Na categoría adulta, a primeira distinción recaeu en Xogo de nenos, de Rodrigo Brión Insua, mentres que a segunda foi parar a Edén, de Pablo Pardavila Romero.
Doutra banda, na modalidade adolescente, Hei ser o que eu queira, de Óscar Sampedro Olveira, alzouse co primeiro posto, seguido de O gran día, de Pablo Touzón Quintáns; e no terceiro lugar quedou A nova especie, de Olivia Sobrido Buceta.
Así mesmo, proporcionouse un lote de libros con temática focalizada na igualdade e no feminismo ao IES da Pobra do Caramiñal. Entre os títulos figuran La cultura de la homofobia y cómo acabar con ella, Familias modernas ou Brujas.
As ditas accións atópanse ao abeiro da programación impulsada con motivo do Día Internacional da Muller e que se estende ao longo de todo o mes de marzo.