As inquedanzas pictóricas dunha ducia de artistas compoñen unha nova exposición na Pobra
Ángela Campaña, Andrés Bernal, Margot Fernández, Elena Pazos, Lola Seráns, Ana Trigo, Asun Rodríguez, Carmen González, Josefa Seráns, Ana Rubio, Elena Moure e Carmela Fernández. Estes son os nomes das/dos artífices da trintena de cadros que se exhiben na nova mostra colectiva que alberga a casa da cultura Raquel Fernández Soler: Inquedanzas IV.
Unha serie de obras realizadas seguindo as pautas de Paola García durante as clases impartidas na dita instalación municipal pobrense.
Amenizado musicalmente polas Rianxeiras da Covecha, o acto inaugural desenvolveuse na tarde do 4 de xullo coa participación da concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e as artistas.
“Un ano máis asistimos á apertura da exposición colectiva integrada polos cadros do alumnado do curso de pintura impartido por Paola García. Á experiencia das xa veteranas, incorpórase novas creadoras. Temos para desfrute de todos e todos, polo tanto, unha mostra heteroxénea que é reflexo das inquedanzas, como o propio título indica, desta ducia de artistas. Diferentes olladas sobre a realidade, diferentes predileccións en canto a temática, si, pero todas elas co denominador común da paixón pola arte. Penso que non hai mellor maneira de despedi-lo actual curso e estamos expectantes xa do marabilloso universo pictórico que nos depara a quinta edición”, declarou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, durante a súa intervención.
O público pode achegarse ata o 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.00 e de 19.00 a 21.00 horas.