
O pregón da AAD Barbanza abre as festas do Carme dos Pincheiros
A Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza foi a encargada de pronunciar o pregón das festas do Carme dos Pincheiros, unha cita que serviu para percorrer máis de catro décadas de historia do club e recoñecer o labor de quen contribuíu a construír a súa traxectoria.
O alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, abriu o acto poñendo en valor os 44 anos de historia da AAD Barbanza e destacou o esforzo, a implicación e a dedicación que permitiron o seu crecemento e levaron o nome da Pobra a competicións de ámbito galego, estatal e internacional.
Tras a intervención da Comisión de Festas, tomaron a palabra Eloy Vázquez, Lidia Parada e Carla Romero, que pronunciaron o pregón en representación dos e das atletas do club.
Durante as súas intervencións lembraron os inicios da AAD Barbanza, fundada en 1982; a evolución da súa escola; as experiencias compartidas por distintas xeracións e os logros deportivos acadados ao longo destes anos. Tamén tiveron palabras de recoñecemento para Pepe Moure e Lardo Moure pola súa dedicación e polo traballo desenvolvido a prol do atletismo.
Lidia Parada salientou especialmente o carácter interxeracional do club, do que formaron parte numerosas persoas e familias desde a súa creación. Así mesmo, puxo o foco na fortaleza das categorías de base e no presente deportivo da AAD Barbanza.
Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou coa entrega dun agasallo do alcalde a Pepe Moure, presidente do club e unha das figuras estreitamente vinculadas á súa historia.
A celebración completouse coa sinatura no libro por parte de varias e varios atletas e do propio Pepe Moure, como lembranza dunha xornada especialmente significativa para a AAD Barbanza.
Deporte, historia e emoción confluíron así nun pregón que permitiu mirar cara ao camiño percorrido durante máis de catro décadas e, sobre todo, recoñecer a quen fixo e continúa facendo posible a historia do club.








