
A XVII Carreira Popular chegas ás rúas da Pobra o domingo 30 de agosto
O domingo 30 de agosto, A Pobra do Caramiñal acollerá a XVII Carreira Popular, organizada polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e a Federación Galega de Atletismo. A cita forma parte do XII Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña.
Podrán participar tanto atletas con licenza federativa como persoas non federadas. A competición abrangue desde sub-6 ata máster e inclúe tamén Sapatilla Inclusiva, unha categoría única absoluta para persoas con diversidade funcional.
O programa deportivo comezará ás 10.45 horas con sub-10. Ás 11.00 horas será a quenda de sub-12 e, ás 11.15 horas, de sub-14. Para as 11.30 horas están previstas as saídas de sub-16, Sapatilla Inclusiva e da carreira de aproximadamente oito quilómetros para sub-18, sub-20, sub-23, sénior e máster. A mañá continuará con sub-6 ás 12.45 horas e sub-8 ás 13.00 horas.
Con saída na rúa Xerardo Fernández Albor e chegada no interior da praza Alcalde Segundo Durán, o percorrido pasará polo peirao comercial, o aparcadoiro Díaz de Rábago, as rúas Anxo Rei Ballesteros, Castelao, da Ponte, Gavoteira, Luís Seoane e Venecia, o paseo dos Areos e a ponte de Santo Antonio, antes de regresar á zona de meta.
Inscricións e dorsais
Ata o xoves 27 de agosto, ás 14.00 horas, permanecerá aberto o prazo de inscrición a través de Carreiras Galegas. Participar será de balde en sub-6, sub-8, sub-10, sub-12, sub-14, sub-16 e Sapatilla Inclusiva, mentres que desde sub-18 ata máster o prezo será de 8 euros.
Os dorsais poderán recollerse na praza Alcalde Segundo Durán ata media hora antes do comezo de cada carreira.
Premios e servizos
A entrega de trofeos terá lugar a partir das 13.30 horas na zona de meta. Todas as persoas participantes en sub-6 e sub-8 recibirán unha medalla e concederanse trofeos aos tres primeiros postos de cada categoría. Os cinco primeiros postos das clasificacións xerais feminina e masculina recibirán tamén premios en metálico e agasallos.
Na carreira absoluta, os premios serán de 250, 150, 100, 75 e 50 euros para os cinco primeiros postos das clasificacións feminina e masculina. Ademais, un premio especial de 200 euros para a atleta e o atleta que batan os récords da carreira, situados en 27:09 na categoría feminina e 23:45 na masculina.
Durante a xornada, a organización disporá dos servizos médicos obrigatorios, dun seguro de accidentes deportivos e de responsabilidade civil e dun servizo de fisioterapia na zona de chegada.
Para obter máis información, as persoas interesadas poden acudir ao Departamento de Deportes do Concello da Pobra do Caramiñal, na Casa da Cultura e Xuventude Raquel Fernández Soler, en horario de 9.30 a 14.30 horas, ou chamar aos teléfonos 981 832 590, 981 831 545 e 619 229 946.
XVII CARREIRA POPULAR CONCELLO DA POBRA DO CARAMIÑAL



